O sexto día recomendámosche unha visita que comeza na Fervenza do Cachón e as penas do Marco do Medio Mundo, unha fervenza que se atopa nun lugar máxico entre Penacerveira e os Casares (ver ruta da Fervenza do Marco do Medio Mundo). Seguimos pola estrada que vai cara Romeor, aldea que se atopa no fondo do val e na que, se che apetece camiñar, podes subir ata o Tunel-acueducto Romano (ver ruta Tunel-acueducto de Romeor).

Continuando coa viaxe antes de chegar a Mostad hai un miradoiro onde se observa perfectamente a Mina da Toca, vese moi ben como os Romanos para sacar ouro foron desfacendo parte da montaña. Na aldea de Mostad é interesante o camiño que baixa ata os sequeiros, construcións de pedra empregadas para secar as castañas.

En Mostad hai unha cova que ten un acceso bastante fácil e que pode ser interesante se te animas con algo de aventura, recomendamos sempre que vaias acompañado de profesionais. (no Rincón de Óscar hai un vídeo de cómo chegar)

Antes de chegar a Seoane merece a pena achegarse ata o Cámping para tomar algo, xa que é un lugar moi agradable para facer un descanso.

Por último moi preto do cámping está a Igrexa de Esperante, un lugar moi bonito ó lado do río. Destaca sobre todo a ponte de pedra, que se atopa ó caron da ponte pola que pasa a estrada actual. Destaca tamén o palomar, construcción circular que hai preto da Igrexa.